viernes, 16 de mayo de 2008

COMENTARIOS SOBRE O PXOM DE BAIONA - Previsión de poboación e vivendas


Calquera tipo de proxecto de planeamento urbanístico para Baiona debe basearse nun estudo rigoroso da situación actual na que se atopa, así como nunha previsión rigorosa das súas necesidades futuras. No entanto, o documento presentado mostra unha situación actual de Baiona que carece de actualidade, e polo tanto, de rigor. O PXOM do PP é un documento obsoleto que, por exemplo, fala dunha presa capaz de abastecer a unha poboación de 9.100 habitantes. Situación ben distinta da actual trala ampliación do encoro.

Un plan que traballa con datos antigos é imposible que poida dar unha solución adecuada e coherente para o desenvolvemento do pobo nun horizonte de 15 anos. O estudo rigoroso da situación actual do pobo é un punto de partida imprescindible e o PSOE non admite que se lle presente ao pobo un estudo “feito fai uns anos”. Polo tanto, esíxese a urxente actualización do plan.

Unha vez definida a situación actual do pobo deberá preverse as necesidades futuras do pobo para o período establecido. De especial importancia é a previsión sobre a evolución da poboación e das vivendas necesarias.

O PXOM prevé un crecemento da poboación vinculada residente entre 2.007 e 2.022 de 8.872 habitantes en 15 anos. Por iso, a taxa de crecemento anual prevista é do 4,95%. Sorprende que na “Memoria Xustificativa” dígase que a previsión de poboación realízase “mantendo aproximadamente a forma de crecemento” cando no presente século Baiona non creceu en ningún ano por encima do 2%. é dicir, case un 60% menos. A modo de comparación, o PXOM de Vigo fala dunha taxa de crecemento anual para o conxunto do Val Miñor do 2,1% durante os próximos 15 anos. A mesma falta de rigor aplícase á previsión da poboación vinculada non residente.

Unha errónea previsión da poboación de Baiona transfórmase mediante un índice de ocupación por vivenda nunha errónea estimación do número de vivendas necesarias.

Por se non fora suficiente co exercicio de imaxinación feito para a previsión da evolución poboacional, o número de vivendas necesarias calcúlase restando do total de vivendas necesarias as existentes. Isto sería razoable se se empregase o número de vivendas actuais e non as que existían en 2.001 (segundo o IGE en 2.006 había 146 novas vivendas a construír). Polo tanto, falar dunha necesidade de 5.185 vivendas novas non é máis que un inaceptable exercicio de especulación urbanística que non se sustenta en ningún tipo de previsión obxectiva.

jueves, 15 de mayo de 2008

COMENTARIOS SOBRE O PXOM DE BAIONA





O pasado 10 de Abril de 2.008 o PSdeG-PSOE de Baiona fixo unha interpelación pública ao alcalde de Baiona co obxecto de coñecer a súa opinión sobre o documento presentado o 18 de Decembro no Auditorio de Baiona, así como o estado actual do proceso do PXOM.

A 16 de Maio de 2.008 o actual equipo de goberno aínda non se pronunciou polo que se entende que nada ten que dicir ó respecto. “¡Quen cala outorga!”. No canto, a Agrupación Socialista de Baiona si que ten opinión sobre o PXOM, e procederá a trasladar aos veciños as súas principais preocupacións con relación ao documento. Non se pretende analizar a proposta realizada desde un punto de vista técnico-xurídico, senón desde unha visión política e crítica razoada do modelo de desenrolo urbano que propón o PP, fundamentalmente no referente á previsión de vivendas, sistema viario, zonas verdes e espazos libres previstos, equipamentos e dotacións, protección da costa, delimitación do chan urbano e urbanizable, así como a reserva de chan para a construción de vivendas que poidan acollerse a algún tipo de protección pública.

O PSdeG-PSOE DE BAIONA PIDE Ó ALCALDE VERDADEIRA VONTADE DE CONSENSO NO PXOM




O pasado 18 de decembro de 2007 o alcalde presentou o documento inicial do PXOM xunto ao equipo redactor do mesmo. Durante a súa presentación o alcalde solicitou en repetidas ocasións o consenso político para o PXOM, destacando o carácter non definitivo do documento inicial. Transcorridos mais de tres meses desde o acto celebrado no Auditorio de Baiona, grupos políticos e veciños seguimos sen coñecer cal é a opinión do alcalde sobre o documento inicial do PXOM ¿Comparte o exposto no documento inicial?

Durante a presentación se destacou tamén de forma reiterada a vontade de que a tramitación do PXOM fose en todo momento un proceso trasparente no que primaria a participación. Ata a data gobernar buscando o consenso non é o que vén facendo o alcalde Sr. Almuiña, moi ao contrario convoca manifestacións en pleno mes de Agosto e recollida de firmas para oporse a un problema inexistente, desatende as demandas de comerciantes que requiren unha solución á situación na que se atopa a Praza de Abastos e xera conflitos por cuestións que cun mínimo de talante resólvense nunha reunión como a mantida co Presidente de Portos.

Por iso a 10 de Abril de 2008, dende o PSdeG-PSOE de Baiona reclamamos un esforzo ao alcalde para que o pretendido consenso no PXOM materialícese. Para iso reclamamos información puntual sobre a evolución do plan, trasparencia na documentación (p.e. o estudo de sustentabilidade ambiental, impacto territorial e paisaxístico do que se fala no documento inicial non foi publicado) transparencia e información con referencia aos traballos da comisión sectorial ou ás queixas dos veciños afectados e finalmente dialogo, inexistente a día de hoxe e elemento básico para obter consenso en calquera cuestión e moito máis necesario en proxectos desta envergadura