viernes, 16 de mayo de 2008

COMENTARIOS SOBRE O PXOM DE BAIONA - Previsión de poboación e vivendas


Calquera tipo de proxecto de planeamento urbanístico para Baiona debe basearse nun estudo rigoroso da situación actual na que se atopa, así como nunha previsión rigorosa das súas necesidades futuras. No entanto, o documento presentado mostra unha situación actual de Baiona que carece de actualidade, e polo tanto, de rigor. O PXOM do PP é un documento obsoleto que, por exemplo, fala dunha presa capaz de abastecer a unha poboación de 9.100 habitantes. Situación ben distinta da actual trala ampliación do encoro.

Un plan que traballa con datos antigos é imposible que poida dar unha solución adecuada e coherente para o desenvolvemento do pobo nun horizonte de 15 anos. O estudo rigoroso da situación actual do pobo é un punto de partida imprescindible e o PSOE non admite que se lle presente ao pobo un estudo “feito fai uns anos”. Polo tanto, esíxese a urxente actualización do plan.

Unha vez definida a situación actual do pobo deberá preverse as necesidades futuras do pobo para o período establecido. De especial importancia é a previsión sobre a evolución da poboación e das vivendas necesarias.

O PXOM prevé un crecemento da poboación vinculada residente entre 2.007 e 2.022 de 8.872 habitantes en 15 anos. Por iso, a taxa de crecemento anual prevista é do 4,95%. Sorprende que na “Memoria Xustificativa” dígase que a previsión de poboación realízase “mantendo aproximadamente a forma de crecemento” cando no presente século Baiona non creceu en ningún ano por encima do 2%. é dicir, case un 60% menos. A modo de comparación, o PXOM de Vigo fala dunha taxa de crecemento anual para o conxunto do Val Miñor do 2,1% durante os próximos 15 anos. A mesma falta de rigor aplícase á previsión da poboación vinculada non residente.

Unha errónea previsión da poboación de Baiona transfórmase mediante un índice de ocupación por vivenda nunha errónea estimación do número de vivendas necesarias.

Por se non fora suficiente co exercicio de imaxinación feito para a previsión da evolución poboacional, o número de vivendas necesarias calcúlase restando do total de vivendas necesarias as existentes. Isto sería razoable se se empregase o número de vivendas actuais e non as que existían en 2.001 (segundo o IGE en 2.006 había 146 novas vivendas a construír). Polo tanto, falar dunha necesidade de 5.185 vivendas novas non é máis que un inaceptable exercicio de especulación urbanística que non se sustenta en ningún tipo de previsión obxectiva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario