martes, 10 de junio de 2008

COMENTARIOS SOBRE O PXOM DE BAIONA - Clasificación do solo


Desde o PSDEG-PSOE de Baiona pensamos que calquera PXOM debe deixar claro o modelo de pobo, vila ou cidade que se pretende desenvolver, recollendo e deixando plasmada a filosofía de ordenación municipal que comparten os políticos que pretenden a súa implantación. A clasificación do solo segundo as clases que prevé a lei é unha ferramenta de gran importancia a disposición dos políticos para a consecución dos obxectivos que establezan para o correcto desenvolvemento municipal. Por desgraza para Baiona, a clasificación do solo tamén é unha deficiencia da PXOM do Alcalde e o seu equipo de goberno.

No referente ao solo urbanizado o documento presentado expón un modelo de desenvolvemento baseado nun continuo de solo urbanizado sendo o único criterio reitor de plan a explotación do maior número de metros cadrados de territorio. Destaca o delimitado polo parque da Virxe da Roca polo Sur, a autoestrada e vía rápida polo Leste e o río Miñor polo Norte, fundamentalmente, de carácter urbano. Esta enorme bolsa de solo urbano engloba os asentamentos históricos de Sabaris, O Burgo e Baiona, ademais das áreas onde se executou plan de desenvolvemento e outras limítrofes de crecemento desordenado.

Fóra do ámbito citado anteriormente, introdúcese unha bolsa de solo urbano en Baredo, que se corresponde co que no seu día constituíu o Plan Parcial de Rocamar, chegando mesmo a comprender dentro da súa delimitación zona rochosa da costa que se atopa por baixo da estrada Baiona-A Garda.

A delimitación do solo de crecemento desordenado de épocas pasadas, simplemente realízase como un recoñecemento da realidade actual de ocupación de territorio, sen dar solucións, non apreciándose determinacións encamiñadas a dotar de servizos de equipamento e zonas verdes, aínda que sexan de tamaño reducido nestas áreas. Esta intención de tentar recoñecer a realidade constructiva sen achegar solucións leva a delimitar unha bolsa illada de solo urbano no Suroeste da confluencia da autoestrada na súa transformación en vía rápida coa saída de Sabaris.

O PSdeG-PSOE de Baiona non pode menos que sentirse preocupado pola gran extensión de solo urbano establecida no plan, sen unha adecuada planificación das necesidades dos veciños e mesmo con importantes dúbidas sobre se a cualificación dalgúns terreos definidos como solo urbano cumpre as esixencias da Lei 9/2002.

Adicionalmente, e en relación co solo definido como urbanizable novamente destacan as grandes extensións de solo incluídas, máis de 550.000 m2 de superficie construible residencial entre solo delimitado e non delimitado.

Con relación ao solo cualificado como rural, o crecemento proposto no plan é desmesurado, con núcleos de expansión que nalgúns casos teñen unha extensión catro veces maior que o consolidado. Adicionalmente, o crecemento proposto é confuso e, nalgúns casos, dana a identidade dos núcleos.

En resumo, a delimitación dos distintos tipos de solo que o PXOM propón supón un desenvolvemento urbano difuso, confuso e excesivo, cun crecemento desmesurado dos núcleos rurais. Así mesmo, non se establecen as reservas de solo adecuadas para dotar de servizos e zonas verdes tales ampliacións. A única e exclusiva directriz política por parte do equipo de goberno visible para a delimitación das distintas categorías de solo é a explotación urbanística da maior parte do territorio.

O PSdeG-PSOE de Baiona avoga por unha formulación seria e meditada que defina a Baiona que se quere desenvolver de aquí a 15 anos, establecendo unhas directrices políticas que permitan definir unha PXOM que mellore a calidade de vida dos seus veciños, concretando a través do ordenamento a vocación turista, residencial e de servizos comarcais que Baiona debese ter, fundamentado o plan nun modelo de crecemento equilibrado e sustentable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario